DECÁLOGO DE INTENCIÓNS

1. ABAR establécese como un corpo de investigación e creación das artes escénicas e performativas. No canto de centrarse só na produción de contido, queremos abrir procesos, investigar, dinamizar e buscar as condicións materiais propicias para que os nosos traballos conten coa profesionalidade, o tempo e o coidado necesarios para agromar.

2. ABAR sitúase como un espazo de difusión cultural e intervención social. Alén da exhibición de traballos escénicos e performativos, tamén se entrecruzarán outras derivas culturais encaradas, principalmente, ás artes en vivo, a literatura e a investigación.

3. A imaxinaría de ABAR é unha constelación de nudos teóricos e creativos que xiran en torno á expansión da linguaxe artística. A hibridación de xéneros, o dilatamento do que entendemos por artes escénicas ou performativas e, en definitiva, polas artes en vivo, que poden confluír con outras prácticas: toda arte é viva, fóra ou dentro de escena.

4. Avogamos por unha radical posta en valor do traballo artístico e do sector cultural galego. Vivimos nun contexto de violencia estrutural e precarización para co e dende o noso sector, por isto consideramos que cómpre loitar conxuntamente por un contexto económico onde os medios materiais que se dedican ao gremio artístico sexan equiparables ao que o gremio artístico aporta á sociedade e ao seu benestar colectivo, identitario e psicolóxico. Isto só é posible desenvolvendo prácticas consensuadas entre os profesionais, cun compromiso pola profesión, respectando convenios, valorando o tempo de traballo, movéndonos sempre dende unha posición crítica que observe as prácticas institucionais dende un prisma panorámico, actuando con responsabilidade e profesionalidade perante o diagnóstico destas observacións: defendemos o público, e o público cómpre ser distribuído de maneira xusta.

5. Amosamos unha clara intención de expandir as artes en vivo a outros territorios e individualidades. Isto é, achegar as nosas propostas á comunidade dun xeito horizontal e transfronteirizo a través de propostas de mediación e cooperación coa cidadanía e cos públicos, sen importar o estrato socio-económico, o capital cultural, as capacidades físicas e psicolóxicas, o xénero, a etnia ou a procedencia. Queremos iniciar un proceso e unha praxe de apertura social. Consideramos que un exercicio de achegamento das artes á cidadanía é inservible se non se facilita unha comprensión das linguaxes que empregamos e, sobretodo, se non tentamos abrilas alén da esfera dentro da cal se adoita mover o contido cultural do país.

6. En ABAR defendemos un xeito de traballar respectuoso para cunha mesma e para coas compañeiras. Isto é, temos o compromiso de traballar de xeito horizontal que parta do común, dende a valoración do noso tempo, o respecto polo traballo e o tempo das compañeiras de profesión. Tamén cunha metodoloxía anti-autoritaria, anti-competitiva e relacións desinteresadas. Somos feministas e por isto ABAR fará unha constante revisión, por exemplo, das porcentaxes de xénero nos equipos de traballo das súas producións.

7. En ABAR defendemos un xeito de traballar respectuoso co noso entorno. Isto é, un compromiso por unha produción sustentable que respecte ao medio ambiente. Para abranguer isto ABAR fará unha constante revisión, por exemplo, das porcentaxes de CO2 que comportarán a creación e distribución das súas producións e do emprego de plástico nas nosas escenografías.

8. ABAR é unha compañía asentada en Galiza e integrada por galegas e polo tanto queremos nutrir a cultura galega de nós cara ao exterior: ansiamos unha internacionalización da cultura galega, ser pioneiras e exemplo en innovación, contemporaneidade e calidade nas artes en vivo e na investigación artística dun xeito independente. Queremos abranguer outros circuítos máis diversos e extensos sen ter que supeditarnos ou traducirnos exclusivamente ao contexto estatal. Facer da cultura en galego referente fóra das nosas fronteiras xeo-políticas.

9. A de ABAR é unha poética do político porque non entendemos a estética sen a ética. Tanto as pezas escénicas, como os proxectos paralelos, como o noso xeito de traballar dentro da compañía e coas demáis serán un exemplo de como vemos o mundo: partindo dende a igualdade e rexeitando a violencia de calquera autoridade.

10. ABAR é radical, revolucionaria e creadora dun universo propio, onde o onírico, o cinemático, a elegancia e o rompedor conflúen en poesía escénica.